…A Trabada do Pingüín…
Os pingüíns son feroces deboradores de peixe. Son feitos para matalos sen piedade, con soltura e mestría, inda que pola terra se abaneen coma trasnos estúpidos incapaces de se manter a eles mesmos. Nas xélidas augas antárticas son os emperadores; mais na terra… mais na terra tamén.
Nela, de cando en cando grallan coma en trance ritualista de corte exorcitario e mesmo semella que as cores ardentes dos seus coloridos penachos ou manchas, de tonos rubios e encarnados, se reflictisen nas meniñas. Neste momentos son coma unha besta do inferno feita para asasinar a calquera turista. Hai quen afirma, con terquedade e insistencia, coma poseido por algún virus de afección crónica sistemico-nerviosa con episodios sicopáticos, ser vítima dun ataque de besta de tal calibre, nun destes episodios de ira, nunha destas transformacións. Coma relato dun cuarto milenio, afirma que foi acosado, perseguido e trabado por un pingüín dun tamaño descomunal.
Este é o relato de Linus Torvals, un finés, nalgún momento turista antártico (saibase que é vox popoli que os pingúíns, malia as boas condicións climáticas, desistiron de coloniza-los paises nórdicos por os coller nas antípodas e por carecer de ás funcionais ou de sistema mecánicos de voo que o facilitase). Din os que compartiron horas de foro nos dias primeiros co pai creador do Linux que este home tiña unha verdadeira obsesión. Fora trabado por un pingüín e xa non tiña remedio. Cando naqueles momentos se discutiu a icona, o símbolo, que había de representa-lo novo sistema operativo libre, e segundo o que din as faladurias; falouse de raposos, águias, osos entre outros poderosos animais mais que o finés repetia obsesivamente que lle gustaban os pingüíns. Inda que, din, nunca o propuxo directamente; o cheiro que rezumaba a maniaca historia da trabada de tal asasino plumoso acabou por ulir a rosas e deron, nas pórtas da década dos noventa, por decidir que tal fora a icona que os amparase, que salvagardade as ideas libertarias e hippies da comunidade Linux. E foi coma quixo Linus, un pingüín antitético daquel que unha vez estivo a punto de, polo menos, o deixar tullido: pequeno, fofo, sentado e amable. Algo que a seguro todos habían adorar. Foi así que naceu o pingüín nos primeiros días.

Mais houbo vinganza na comunidade do software libre. Houbo si. Aproveitaron que o turista antártico, o pai creador, enfermo de por vida por culpa dun pingüín, estivera ausente. Aproveitaron unhas vacacións do finés para facer algo que restaba por facer, algo transcendete. Se el acabara por elixi-la icona do Linux eles elixiron o nome desa icona. Deron por bautizala coma TUX: "(T)orvolds (U)ni(X) – TUX!". Esta foi a frase exacta de James Hughes, quen parece que inda non aprendera ben o apelido de Torvalds.
Esta é a pervertida e perversa historia da trabada dun pingüín que hai xa 15 anos que aconteceu. Mais a historia é cíclica: non creades que os pingüíns son TUX nin que TUX sexa ese adorable pingüín. En calquera momento hanvos trabar, tal que a Linu e da maneira menos esperada e contaxiaranvoas esa enfermidade crónica sistémico-nerviosa con episodios psicopáticos cuns terribles efectos que fará que amedes a liberdade de poder decidir tanto coma os rebeldes hippies dos 70's. Esa enfermidade é xa unha pandemia pois os pingüíns están onde un menos o pensa.
